Compartir

Compártao :

Cores Tourís clausura o obradoiro de emprego “Rivero Social” de Lalín no que se formaron 20 alumnos en construción e carpintería

Actualizado o: 21 abril 2017 14:15
Fonte de información: Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a recuperación do Mercado de San Miguel de Tabagón para a súa conversión en punto de encontro cultural

En 2017 a Xunta destinará a este tipo de iniciativas 20,5 millóns de euros, resaltando a ampliación da duración de cada obradoiro ata os 9 meses

O Rosal (Pontevedra), 04 de abril de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou hoxe en Lalín na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Rivero Social”, nun acto no que puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.

No acto, o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Rafael Cuíña, o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. Este obradoiro contou cunha aportación da administración autonómica de 180.000 euros, “que xunto coa achega de material por parte do concello, chegou a superar os 250.000 euros, xa que estamos a falar dunha obra que requiriu un importante volume de medios”, explicou Cores Tourís.

Os alumnos e alumnas, 20 en total, terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego nas especialidades de Operacións Auxiliares en Revestimento Continuo en Construción, como en Instalación de Elementos de Carpintería. Recibiron, ademais, formación complementaria en sensibilización na igualdade de oportunidades e ambiental, informática, técnicas para atopar un emprego e en prevención de riscos laborais.

Os alumnos deste obradoiro levaron a cabo obras de acondicionamento das seis antigas vivendas de profesores do CEIP Manuel Rivero de cara a poder destinalo a persoas en situación de risco de exclusión social.

A provincia de Pontevedra contou nos últimos 6 meses con 29 obradoiros que formaron a máis de 600 persoas. “Cinco destas iniciativas corresponderon a obradoiros para menores de 25 anos que xa, na anterior edición, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu o delegado territorial, quen destacou os case cinco millóns de euros destinados a estas iniciativas en 2016.

A Xunta de Galicia destinará para este ano un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos. De feito, o delegado territorial recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberta, nestes intres, a liña de axudas dos “obradoiros para a mocidade” que remata o 10 de maio.

“Este ano inclúense diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción”, explicou o delegado territorial quen engadiu que ademais, “ampliarase a duración ata os 9 meses”.

Os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a máis de 2.000 persoas.
Cores Tourís, por último, destacou tamén que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.