Compartir

Compártao :

A campaña da Xunta 'Comercio con talento' impulsa o emprendemento no alumnado de FP destacando a calidade do sector

Actualizado o: 20 marzo 2017 18:33
Fonte de información: Xunta de Galicia

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentaron no IES Pontepedriña de Santiago a terceira edición desta iniciativa

Os estudantes de ciclos formativos vinculados ao comercio teñen de prazo ata o 26 de maio para presentar o seu proxecto co negocio da súa zona que consideren máis innovador

O xurado elixirá os nove establecementos con máis talento e preseleccionará outros cinco para que o décimo premiado saia escollido a través do Facebook do Portal do Comerciante

O impulso ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentaron esta tarde no IES Pontepedriña, en Santiago de Compostela, a terceira edición da iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector.

Tal como explicou durante a presentación a directora xeral de Comercio e Consumo, na campaña poden participar os alumnos e alumnas dos centros galegos que imparten os ciclos de formación profesional básica de Servizos comerciais, do ciclo formativo de grao medio de Actividades comerciais, e dos de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais, Comercio internacional, Transporte e loxística, e Márketing e publicidade.

No concurso, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, os alumnos estudarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. Estas tarefas de busca do establecemento con talento realizaranse, por parte do alumnado, baixo a supervisión e control do centro educativo.

A continuación, os participantes elaborarán un proxecto sobre o comercio elixido, para o que deberán contar coa autorización do propio local. Aínda que o concurso é individual, dous ou máis alumnos si poden escoller o mesmo comercio, repartíndose o premio entre eles de resultar o establecemento gañador. Os proxectos deberán enviarse antes do 26 de maio.

Un xurado especializado, formado por técnicos da Xunta e expertos en materia de comercio, escollerá os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fará unha preselección de 5 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos dez premios sexa decidido polo número de "gustames" que reciba. Os alumnos autores dos proxectos gañadores recibirán como premio un iPad mini.

O fallo do xurado emitirase na terceira semana de xuño e a lista cos alumnos gañadores publicarase na web do Portal do Comerciante e nas redes sociais que ten vinculadas (Facebook e Twitter).

O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de impulso ao comercio de Galicia.