Inicio > Organización > A Consellería > Dirección Xeral de Enerxía e Minas
Compartir

Compártao :

A CONSELLERÍA

Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Actualizado o: 15 febreiro 2017
  • Organización

Decreto 175/2015, do 3 de decembro

 

Artigo 20. Atribucións

Á Dirección Xeral de Enerxía e Minas correspóndelle a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería en materias de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos. Asemade, a Dirección do Instituto Enerxético de Galicia sería exercida, por razón do cargo, pola persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas estrutúrase nos seguintes órganos administrativos:

 

Subdirección Xeral de Enerxía

Conta con tres unidades administrativas: o Servizo de Ordenación Enerxética, o Servizo de Infraestruturas Enerxéticas e o Servizo de Enerxías Renovables.

As funcións desenvolvidas no ámbito das infraestruturas enerxéticas, son as relativas á mellora das redes de distribución de enerxía eléctrica, onde a Consellería, a través de diversos convenios de colaboración coas empresas subministradoras, financia obras nas redes eléctricas de baixa, media e alta tensión. Tamén neste ámbito se promoven as redes de distribución de gas natural, así como as instalacións e redes de gas licuado do petróleo.

Coas enerxías renovables realízase unha labor de fomento a través de liñas de axudas para o uso racional da enerxía nos concellos e nas industrias e para o desenvolvemento das enerxías renovables nas empresas e nas familias.

Cómpre facer referencia ao impulso e execución que se está a facer do Plan Sectorial Eólico de Galicia, que supón completar o desenvolvemento de máis de 4500 MW de potencia eólica, e que unha vez rematado dará paso a un novo modelo de enerxía eólica cunha forte presenza do sector público galego.

 

Subdirección Xeral de Recursos Minerais

É órgano administrativo responsable da xestión dos dereitos mineiros, isto é, dirección, coordinación e control da execución das autorizacións e concesións previstas na normativa reguladora do réxime mineiro.

Igualmente, tamén é competencia desta subdirección xeral a elaboración de todo tipo de propostas dirixidas a dinamizar e apoiar o sector mineiro galego, sobre todo, o tocante á investigación e á innovación tecnolóxica como medios para alcanzar un sector moderno, avanzado e sostible; ao tempo que exerce as funcións de xestor do rexistro de balnearios así coma de portelo único na tramitación de expedientes relativos a estes establecementos e explotacións de augas minerais, termais e de manancial.

Ademais, desenvolve as funcións de inspección e vixilancia no relativo a prevención de riscos laborais, así como de observancia das normas de seguridade e hixiene no traballo en relación cao actividade mineira.

Para a tramitación administrtativa e a xestión directa destas competencias, contará co Servizo de Xestión Mineira.

 

Subdirección Xeral de Administración Industrial

É a encargada de propoñer normativa aplicable en materia de administración industrial, seguridade industrial e metroloxía legal. Normas que dan lugar aos correspondentes procedementos administrativos, centrándonos basicamente na implantación de melloras dos mesmos, baseadas na utilización das ferramentas que as tecnoloxías da información e comunicación (TIC) ofrecen, nun esforzo por modernizar e achegar a Administración á cidadanía.

Cómpre salientar o labor que se está a realizar en materia de axudas, que permite o desenvolvemento de actuacións de modernización e dotación de servizos avanzados no solo empresarial; ademais de contribuír á mellora da seguridade industrial favorecendo a substitución de maquinaria obsoleta e a renovación das instalación domésticas de electicidade e gas na procura dun maior nivel de seguridade nos fogares.

Contará coas seguintes unidades administrativas: o Servizo de Administración Industrial e o Servizo de Metroloxía e Laboratorios Oficiais.