Inicio > Organización > A Consellería > Axencia Galega da Industria Forestal -Xera
Compartir

Compártao :

A CONSELLERÍA

Axencia Galega da Industria Forestal - Xera

  • Axencia Galega da Industria Forestal - Xera

A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) é unha axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ten como obxectivo o impulso da actividade económica neste ámbito, para mellorar a competitividade das empresas e coordinar os centros de investigación en materia forestal.

Trátase de lograr unha convivencia saudable e sustentable entre o aproveitamento e industrialización forestal e a conservación dos bosques autóctonos, promovendo ao mesmo tempo a investigación en biotecnoloxía forestal.

Actuará como interlocutora cualificada na elaboración dos instrumentos de planificación, ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais que regula a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Xera asumirá os medios persoais e materiais e as competencias do centro de investigación e innovación autonómico CIS Madeira e establecerá, así mesmo, mecanismos de colaboración con outros centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector traslade á Administración por consideralas do seu interese.

Obxectivos:

  • Procurar a diversificación dos produtos do monte destinados á industria forestal, promovendo as sinerxías entre os distintos sectores da cadea monte-industria.
  • Mellorar a competitividade e a innovación das empresas do forestal desde a primeira fase de transformación do recurso, e con especial incidencia na segunda e seguintes fases.
  • Ser o centro de servizos ao que acuda o sector da industria forestal, madeireira e non madeireira, para analizar e implantar medidas que contribúan ao seu desenvolvemento, actuando como interlocutor da Administración fronte á totalidade de axentes económicos vinculados á industria forestal.
  • Definir e promover estratexias para lograr unha convivencia saudable e sustentable entre o aproveitamento e a industrialización dos recursos naturais, e que deberá realizarse tendo en conta a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade, baseándose no uso sustentable dos ditos recursos naturais.
  • Participar na planificación, ordenación e mellora da xestión e aproveitamento dos recursos forestais, sen menoscabo do seu valor ambiental e social e da conservación do patrimonio natural, evitando a fragmentación de hábitos naturais, tendo en conta a súa integridade.
  • Coordinar os centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal, adscritos á Axencia.
  • Promover a utilización da biotecnoloxía como técnica na mellora dos produtos forestais.
  • Incentivar o deseño de produtos derivados do forestal na procura de solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente.
  • Impulsar a creación de emprego de calidade no medio rural.
  • Favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes vinculados á industria forestal, particularmente entre as empresas e os centros públicos de investigación forestal.
  • Incentivar a certificación de procesos e produtos asociados ao monte, e destinados á industria forestal, para acreditar a calidade e sustentabilidade das actividades, e por esta vía aumentar a competitividade das empresas do sector.
  • Apoiar a transformación, diferenciación e diversificación de uso dos aproveitamentos forestais.
  • Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no forestal, favorecendo a capacitación profesional e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas.
  • Asesorar aos axentes e ás empresas do forestal nas distintas liñas de financiamento nacional e internacional que lles poidan beneficiar.